domingo, 25 de junio de 2017

Lecturas de verán



Estas son as nosas recomendacións lectoras para este verán. Ningunha delas debería, con todo, privarvos do selecto pracer de vos encamiñar a unha libraría e, despois de fedellar entre as mesas de novidades, marchardes para a casa coa vosa propia e arriscada escolla literaria. 

1. Emma Pedreira, Bibliópatas e fobólogos (Editorial Galaxia).
Unha divertida recompilación de historias breves onde prima o xogo metaliterario e o humor dunha autora que seguimos como poeta e aquí nos propón un fresco e suxestivo artefacto literario moi bo de ler.


2. Ana Cabaleiro, Sapos e sereas (Editorial Galaxia).
Repetimos editorial para recomendar esta revisitación dalgúns “contos” deses que nos acompañaron desde cativas e seguen, non sempre de maneira consciente, alentando alá no fondo das nosas percepcións do mundo.







3. Ray Loriga, Rendición (Alfaguara)
Esta fábula “sobre o desterro, a perda, a paternidade e os afectos” que levou o premio Alfaguara 2017 pode servirlles ás mozas e aos mozos do Ribeiro de porta de entrada na obra de Ray Loriga. 

 








 
4. Celso Castro, Sylvia (Destino).
Celso Castro é un autor galego que escribe en castelán con oficio depurado e estilo característico. Tipograficamente, chamará a atención das lectoras escolares por escribir sen maiúsculas, pero esa marca formal serve de vehículo para unha prosa áxil e afiada, de rara e recomendable cualidade literaria.


X Xornadas clubs de lectura

Foi sen dúbida unha xornada intensa. Acreditarse, asistir ás charlas, participar nos obradoiros, gozar dos espectáculos teatrais de animación, encontrarse con compañeiras e compañeiros doutros centros. A pausa do xantar tivo o seu aquel, ben seguro que si (calor, descubertas gastronómicas...). A sesión da tarde foi máis breve e estivo presidida dun inesperado encontro informal co noso admirado Pedro Feijoo, que quedou unha miga a falar coas rapazas do club de lectura de 1º de bacharelato que agardaban sentadas á porta do Palacio de Congresos para entrar. "Cando volvemos?" preguntaban as nosas lectoras ao montar no bus de volta.
Atendendo a Óscar López (Página 2) na Sala Santiago

Tertulias Liceo 2017 (e 2)

 En contra do habitual, este ano puidemos contar co autor tamén para o libro en castelán. Desta volta o encontro foi co autor Carlos Montero (El desorden que dejas, Espasa), un escritor orixinario de Celanova afincado hai anos en Madrid, onde traballa como guionista de series de televisión. C. Montero debateu coa mocidade lectora e acolleu con espírito olímpico algunha pequena crítica sobre a obra efectuada por este público esixente convocado no salón nobre do Liceo de Ourense.

Fotografía co autor despois da charla
 

Ilusións ópticas

Aproveitando que este ano as bibliotecas escolares foron convocadas a promover as artes, ofrecemos aquí un par de imaxes do concurso de fotografía que se coordinou co departamento de Educación Plástica e Visual e o Equipo de Dinamización Lingüística.










 

Letras Galegas 2017

As actividades con que celebramos o Día das Letras teñen no noso centro un agardado aceno de previsibilidade. Pero non por esperadas (algunhas delas) resultan menos desexadas. O festival das letras trouxo este ano ao noso salón de actos algunhas actuacións preparadas especialmente para a ocasión (cantantes solistas, lectura dramatizada de A galiña azul). Nos días previos, o vestíbulo do centro luciu coa recreación pop-art dun retrato do homenaxeado, imaxe que pasará logo á colección xa longuiña que atesouramos na sala da biblioteca do IES O Ribeiro. 

Majo




Agasallo fadista
A galiña azul
Casares pop-art
Imaxe do vestíbulo

Visita de Marcos Calveiro

Este ano, no marco das actividades que todos os anos coordinamos coas compañeiras do veciño CPI Tomás de Lemos, visitounos o escritor Marcos Calveiro. Explicounos curiosidades da súa novela O pintor do sombreiro de malvas (Xerais), que antes leran os alumnos como traballo de aula. O encontro foi interesante, como tamén o fora na visita anterior do autor ao noso salón de actos, e completouse cunha sesión de fotos e sinatura de libros.

Exposición do autor


Toca agardar!

miércoles, 14 de junio de 2017

Etiquetas

Os alumnos de Plástica colaboraron co Ciclo Superior de Elaboración de Aceites de Oliva e Viño á hora de deseñar un logotipo para as distintas elaboracións: viño branco, viño tinto, aceite de oliva e cervexa. 
O proceso de creación artística foi longo e matizado e incluíu a reflexión sobre cales son hoxe as tendencias en materia de etiquetaxe de viño e o traballo na idea-forza de transmitir sobre os viños do IES O Ribeiro a idea de seren potentes, calcados, poderosos, serios.
Igual proceso se seguiu nas etiquetas de aceite e cervexa. En xeral, procurouse trazar e aproveitar sinerxias entre o alumnado da ESO e o dos Ciclos Medios de Formación Profesional para acadar un resultado final participado de moitos, síntese de sensibilidades e percepcións diversas. Os distintos viños, vestidos coas etiquetas elaboradas polo alumnado, foron finalmente presentados de maneira “oficial” na Feira do viño do Ribeiro no mes de abril.


Etiquetas do viño



Etiqueta aceite