martes, 12 de julio de 2016

Agustín Fernández Paz



Morreu Agustín Fernández Paz, un dos grandes escritores galegos do século XX. Deixounos no día de hoxe, ás 7.00h da mañá, na súa casa de Vigo. O seu talento brillou de maneira singular en títulos da colección Fóra de xogo de Edicións Xerais de Galicia que durante anos foron conformando o hábito lector de milleiros de escolares galegos. Home bo, amosou como creador e intelectual galeguista o seu compromiso coa causa da lingua de noso, converténdose en exemplo firme de valentía e coherencia. A sociolingüística, a didáctica, o universo da banda deseñada, Lovecraft e os clásicos do xénero de terror  son algúns outros campos nos que Agustín era unha voz recoñecida e respectada. Tratábase, ademais, dunha persoa querida, un cariño que se fixo público na homenaxe que o mundo da cultura galega lle dispensou en Vigo no ano 2012. Que a terra che sexa leve, Agustín.