jueves, 2 de febrero de 2017

Día da Ilustración



O 30 de xaneiro (o día en que naceu Castelao), celébrase en Galicia, desde 2004, o Día da Ilustración. Para este ano escolleuse a figura de Álvaro Cebreiro (1903-1956), aquel debuxante que asinara co grande Manuel Antonio o manifesto «Máis alá!» (1922). Artista plástico en sintonía coas vangardas europeas, a súa obra pode contemplarse nun vídeo preparado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. 

miércoles, 1 de febrero de 2017

Con María Solar no Liceo de Ourense

Abrimos o mes de febreiro desprazándonos a Ourense co club de lectura de 1º de bacharelato para participar na primeira sesión dos Encontros Literarios que coordina Sara Dacal da concellalía de Educación do concello de Ourense. Como tivemos que adiantar a saída, antes de entrar na sala onde se celebraba o debate puidemos visitar o pazo que acolle as instalacións do Liceo. Baixamos despois á sala onde nos esperaban as compañeiras e compañeiros (destes había menos) doutros centros para falarmos sobre a novela As horas roubadas (Xerais, 2016). O intercambio resultou ben interesante, e a propia autora -que baixou fisgar unha miga- dixo máis tarde que lle encantara o que oíra. Á hora marcada tivemos que subir ao salón nobre do Liceo para escoitar a María Solar, que estivo moi próxima e interesante e soubo axustarse ao tempo de exposición antes de iniciar a rolda de preguntas e asinar exemplares do libro. Ao rematar, aínda puidemos escapar ao Simeón para ver a exposición de clásicos da arte pop (Warhol, Lichtenstein, Indiana...) antes de volver a Ribadavia. Chovía, pero importou pouco.

Amorodos!


Sinatura de libros