domingo, 19 de junio de 2016

Clubs de lectura



Este ano puxéronse en marcha no noso centro tres clubs de lectura. Un con alumnos de 2º de ESO, outro con alumnado de 1º de bacharelato e, finalmente, un terceiro grupo con adultos, abrindo deste xeito as actividades de promoción lectora ao conxunto da comunidade educativa. O grupo de 2º de ESO foi lendo algunha cousiña de Agustín Fernández Paz (As fronteiras do medo) e tamén algo de Carlos Negro (Makinaria). O grupo de adultos foi en realidade de adultas, pois só asistiron mulleres, pero constituíu unha grata sorpresa e as reunións transcorreron nun clima de participación azoso e moi estimulante. Leuse unha novela (Una lectora nada común, de Alan Bennet) e un pequeno ensaio (Todos deberiamos ser feministas, de Chimamanda Ngozi Adichie). Non o digades, sabémolo: para o ano está previsto dar o salto e incluír lecturas en galego no grupo de adultos. O terceiro grupo, integrado por alumnas e alumnos de 1º de bacharelato foi o que máis lecturas fixo. Para o instituto, leron Makinaria e Penúltimas tendencias, de Carlos Negro; e Todos deberíamos ser feministas, de Chimamanda Ngozi. Pero acontece ademais que este club lector de 1º de bacharelato foi aceptado no programa de Tertulias Literarias que a concellalía de Cultura do concello de Ourense celebra no Liceo. E alá foron. Primeiro, para debater sobre La ley del menor, de Ian McEwan. Na segunda ocasión, a obra escollida foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila; neste segundo caso, o debate foi seguido dun encontro coa autora. 

As nosas lectoras no Liceo

No hay comentarios:

Publicar un comentario