domingo, 19 de junio de 2016

MITEU



Despois da primeira experiencia na MITEU do ano pasado, o equipo de biblioteca arriscouse este ano e dobrou a aposta: desprazámonos a Ourense  a ver dúas funcións de teatro no canto de só unha. A primeira, en sesión de tarde, foi o mércores 20 de abril. O grupo Teatro del Dónde (O Salvador) puxo en escena De polvo y agua, un drama sobre as persoas que, en América do Sur, abandonan o seu país na procura dun porvir no Norte rico. A posta en escena era sobria. Con poucos medios, as dúas actrices ían desdobrándose en distintos personaxes e conseguían transmitir toda a desolada desesperación destes emigrantes forzados e das súas familias, un tema que lamentablemente temos ás portas de Europa hoxe mesmo cos desprazados de Siria. O segundo desprazamento, o mércores 27 de abril, e xa en horario nocturno (ás 23.00h!), foi para ver Yllana. O espectáculo Chefs revisou en clave de comedia o ambiente que rodea o mundo dos restaurantes de luxo. Os rapaces quedaron encantados coa proposta de Yllana, que algúns xa coñecían da representación á que asistimos o curso pasado (Gagfather) e o trastorno de regresar tarde á casa e acudirmos ao día seguinte ao instituto mortiños de sono pagou a pena.  
Cartel anunciador da MITEU 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario