domingo, 19 de junio de 2016

Correlingua



Un ano máis, desprazámonos ata o Auditorio Municipal de Ourense para participar na gran festa final do Correlingua. Este ano, ademais, o noso centro achegaba varias actuacións musicais. Atrancos de última hora impediron a actuación de baile hip-hop sobre un tema de Rebelióm do inframundo, pero nada empeceu as outras dúas. E foron un éxito. Redondo.  Tanto coa versión de «Agora xa sei» de Ivete Sangalo e Diego Torres como cos fragmentos do musical Mamma mia de Abba, as nosas alumnas e os nosos alumnos de 1º de bacharelato, aos que se uniron as colaboracións especiais de Alba e David obtiveron do público unha ben calorosa recepción. Desde os presentadores ata os responsables da organización, pasando polo profesorado doutros centros, todo foron parabéns para o grupo e para a profesora Olalla,  a súa responsable. A coordinadora xeral do Correlingua, que coñece os actos que se celebran por todo o país, gravou co seu teléfono móbil un anaco da actuación de Abba e rápido o pendurou no Facebook da carreira, para espallar a actuación que tan boa impresión lle causou. Pero as celebracións do noso instituto non remataron aí. A nosa pancarta, elaborada polo alumnado de 4º de ESO, acadou o primeiro premio no concurso deste ano, de maneira que a alegría foi dupla, desta vez polo traballo coordinado polo Departamento de Educación Plástica e Visual. Entendemos que non sempre os ventos nos van ser tan favorables, pero desde aquí queremos compartir con toda a comunidade educativa do IES O Ribeiro os logros deste ano. Buscade a nosa pancarta na serie de fotos que publicou o xornal La Región.
Mi madriña (Mamma mia) no Auditorio de Ourense
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario