viernes, 24 de junio de 2016

MIT 2016



Falabamos hai uns días de como, do 16 ao 24 de xullo, a vila de Ribadavia muda en capital teatral do país. Finalmente, o outro día presentaron o programa na Cidade da cultura. Interesantes montaxes de textos clásicos (A gaivota de Chéjov, Nai coraxe de Brecht) e modernos (Voaxa e Carmín, de Esther Carrodeguas). Compañías de Galicia, Andalucía, Euskadi e outros puntos do estado, pero tamén de Lituania, Francia, Arxentina e Chile. Trae sona a montaxe de Antón Chéjov do director Oskaras Koršunovas co teatro municipal de Vilna. Como nos adiantou Miguel de Lira cando nos atopamos con el no Festival Olloboi, vén Chévere (Eroski Paraíso). E tamén Matarile: a compañía de A. Vallés e B. Patiño cumpre 30 anos e veno celebrar á MIT. A clave feminina vai estar moi presente nesta edición, en actrices e directoras, pero tamén en pezas valentes como as de Rubén Sabadini (Trópico del plata) e a de TeatroCinema (Historia de amor), e en Voaxa e Carmín, gañadora o ano pasado do Premio Abrente de textos teatrais, que traerá ao escenario da vila as actrices Mabel Rivera e Belén Constenla. O programa é, como adoito, longo e atraente. Desde os títeres e os espectáculos para todos os públicos do programa Ruadavia ata as sesións nocturnas no Auditorio do Castelo, nesta trixésimo segunda edición da Mostra hai ben onde escoller. Vémonos no teatro!

No hay comentarios:

Publicar un comentario