martes, 14 de junio de 2016

Día das bibliotecas 2015


Este curso, a conmemoración do Día das Bibliotecas (24 de outubro) formulouse como unha Homenaxe á banda deseñada. A idea articulouse mediante paneis que recollían varias páxinas de obras representativas do xénero, e o corredor anexo á biblioteca encheuse de carteis e páxinas de cómic. A escolma incluíu desde mostras de clásicos como o francés Astérix e o belga Tintín, os célebres álbums hispánicos de Roberto Alcázar e Pedrín e as Hazañas bélicas da casa editorial Toray, os estadounidenses Spiderman, Avengers Academy e Star Wars e a arxentina Mafalda. Pero tamén tiveron espazo versións en banda deseñada de clásicos literarios como O principiño  de Saint-Exupéry, O estraño caso do doutor Jekyll e Mr. Hyde de R. L. Stevenson e de series de televisión como The Walking Dead, así como obras menos previsibles, entre as que destacamos Economix de Michael Goodwin. E aínda quedou espazo para indiscutibles clásicos modernos da novela gráfica como Maus de Art Spiegelman. Pero a lista non remata aquí. A española Moderna de Pueblo (Los capullos no regalan flores) compartiu espazo expositivo con rarezas como un cómic en francés coa historia da cidade gala de Vannes ou títulos como Yo, el lobo y las galletas (de chocolate) de Delphine Perret e Los zombis que se comieron el mundo de Frissen e Davis (Norma editorial).

Cartel da exposición
Panorámica do vestíbulo

Spiderman, lector atento

No hay comentarios:

Publicar un comentario