domingo, 19 de junio de 2016

Día das Letras Galegas



Unha das novidades no plano de actividades en homenaxe ao autor celebrado o 17 de maio foi a elaboración de ilustracións de poemas de Manuel María, unha actividade coordinada polo Equipo de Biblioteca e o Departamento de Plástica. A combinación de poesía e expresión plástica deixounos algúns traballos de moita calidade, que adornaron as paredes do centro nos días previos á celebración. 
Cartel de Á. Conde (1º bach)
 
Cartel L. Conde (1º bach)

Esta exposición dos alumnos e das alumnas de 1º de bacharelato combinouse coa versión pop-art dunha foto do homenaxeado das letras, unha iniciativa que xa leva moitos anos en marcha e que sempre nos deixa obras de moi alta cualidade artística. Esta é a recreación deste ano sobre unha foto clásica do autor:
 
Manuel María


O espectáculo final do Día das Letras deste ano combinou actuacións musicais con recitado de poemas e o público asistente puido ver e escoitar varios números montados arredor da figura de Manuel María, o persoeiro sinalado para o Día das Letras Galegas de 2016. Christian Sotelo e Manuel González, de 2º de ESO , abriron lume cun rap sobre o homenaxeado. A seguir, proxectouse un resumo do «Telexornal Manuel María» realizado polos alumnos do CPI de Dices-Rois. Seguiron os recitados das alumnas de 1º de ESO A Ana Milena («O Carballo») e Anezka Piños («Limoeira»). Carla Diéguez e Cecilia Prieto, de 1º de bacharelato, cantaron moi ben unha versión do poema «Terra Chá». Despois foi a quenda dos recitados dos alumnos de 1º de ESO B Lorena Miguélez («O salgueiro») e Ángel González («O ciprés»). Jorge Pardellas de 1º de bacharelato, cantou (el só!) a versión do poema «A fala» de Roi Casal. O alumnado de 2º da ESO A e  B leu os seus poemas a continuación: Gabriela Vázquez recitou «A vaca», Verónica Francisco «O gato», Álex Alonso «A rosa», Estefanía Villamarín «O toxo» e Pablo Araújo «Naceu unha flor no meu corazón». Alba González, que actuou como flamante estrela convidada ao festival, deixou o público engaiolado coa súa versión do «Himno do Couto Mixto». Ofreceuse despois un vídeo elaborado pola profesora de Música sobre o Correlingua deste ano, con fragmentos das actuacións musicais dos nosos alumnos no Auditorio de Ourense, do paseo polas rúas do centro e da entrada final na praza Maior da capital. O espectáculo finalizouno o vicedirector coa entrega de premios das actividades deportivas de atletismo e bádminton, de Plástica (cartel violencia de xénero e postal de Nadal) e de Bioloxía (traballo sobre a célula e traballo sobre a flor).
Entrega de premios


No hay comentarios:

Publicar un comentario